lunes, 19 de febrero de 2024

CLUB LECTURA

 
A SAGA DAS CURANDEIRAS


É a novela ópera prima da recoñecida bióloga galega. Nela presenta á curandeira  Rosalía Carcedo. A través da súa biografía facemos unha viaxe pola primeira metade do s. XX, desde a súa Galicia natal, pasando polo Madrid da República e da Guerra Civil, ata a aldea á que volveu durante a ditadura. Alí, Rosalía, personaxe ficticio baseado na sabedoría dos antepasados da autora e dalgunhas curandeiras ás que visitou, continúa aplicando o seu coñecemento dos remedios naturais, pese a incomprensión dos que a rodeaban.


Despois da lectura do libro os participantes do club tiveron ocasión de conversar coa autora, Marisa Castro, de visita polo noso centro para ofrecer ao alumnado de 5º e 6º de primaria unha interesante charla sobre as mulleres na ciencia.

                                    

Foi un coloquio moi interesante e participativo, pasou o tempo voando! Un verdadeiro pracer escoitar a Marisa,  intercambiar experiencias e aprender da man dunha gran divulgadora.


1 comentario:

  1. E chega o arrecendo da Malva, da Herba Luisa e da Ruda.
    Chega o tacto suave da Aceda rebozada en area a modo de bistés; das xoubas de Chantaxe e das imaxinariamente dixestivas sopas de Leitarega e Fiúncho que as pequenas mans esnaquizaban maxistralmente cada tarde nunha carballeira onde os ecos rítmicos dos Estalos e das Gaitas acompasaban os sorrisos.
    E chegan as Suculentas da Sra. Fina que fachendosas medraban na porta da súa casa plantadas nos vellos potes do caldo.
    Chegan as cóxegas nos dedos temorosos que facían as follas da herba de namorar agardando cambiar de peto e o Romeu de amores adolescentes.
    E chega a Papoula no medio do millo demostrando que a fraxilidade da beleza nada ten que ver coa resistencia.
    ...Raíces; malas herbas; herbas do demo que adornaron cruceiros e procesións; frontes de cativas e pescozos de cativos; lembranzas que se irán...que deixaran de ser...ou talvez non...
    Foi un pracer, Marisa, camiñar pola túa horta para rematar lembrando a miña.

    ResponderEliminar