lunes, 22 de junio de 2026

RECOMENDACIÓN LECTURAS VERÁN 2026

 



Coa chegada do verán, desde a Biblioteca queremos compartir unha nova selección de lecturas pensadas para acompañar ao noso alumnado, ás familias e ao profesorado durante as vacacións. 

Nesta guía atoparedes propostas para todas as idades e gustos: contos para os máis pequenos, aventuras, misterio, fantasía e novelas para lectores máis experimentados. 

Agardamos que estas recomendacións vos axuden a descubrir novas historias, vivir grandes emocións e facer da lectura unha compañeira de viaxe durante os meses de descanso. 

Premede na seguinte ligazón para acceder as nosas recomendacións lectoras para o verán. 

RECOMENDACIÓN LECTURAS VERÁN 2026


Boas lecturas e feliz verán!

martes, 16 de junio de 2026

CLUBS LECTURA

 Pechamos o curso dos clubs de lectura cunha tarde moi especial!


Participantes dos clubs de Primaria, ESO e Adultos compartiron unha actividade interxeracional inspirada en Matilda, na que tiveron que superar diferentes retos e seguir pistas por toda a biblioteca para resolver un divertido misterio.

Foi unha magnífica oportunidade para compartir lecturas, traballar en equipo e gozar da biblioteca como un espazo de encontro entre xeracións.

                                                                  

Ao remate do xogo, celebramos o fin de curso cunha merenda e cada participante puido escoller algún fondo da biblioteca para levar consigo e seguir desfrutando da lectura durante o verán. 

Grazas a todas as persoas que formades parte dos nosos clubs de lectura por facer deste curso unha aventura chea de historias, descubrimentos e momentos compartidos.

Bo verán e felices lecturas! 

jueves, 4 de junio de 2026

ADIVIÑA DO DÍA 2025.26

 Unha aventura de enxeño e traballo en equipo

                                  

Ao longo deste curso escolar, dende a biblioteca do centro organizouse a actividade “Adiviña do Día”, dirixida ao alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria.

Os nenos e nenas que quixeron participar apuntáronse ao concurso e organizáronse en equipos de tres integrantes. Durante unha semana de cada trimestre, os equipos atopaban cada día no seu corredor unha adiviña que debían resolver. As respostas anotábanse nunha ficha de participación e, segundo os acertos conseguidos, íanse sumando puntos para cada equipo.

Esta actividade permitiu que o alumnado puxese a proba o seu enxeño, a súa capacidade de observación e o traballo cooperativo, ademais de compartir momentos de diversión cos seus compañeiros e compañeiras.

Unha vez rematadas as tres fases do concurso, realizouse o reconto final das puntuacións. O equipo que acadou a maior puntuación ao longo de todo o curso foi o gañador desta edición de “Adiviña do Día”.

Para coñecer o resultado, todo o alumnado participante reuniuse na biblioteca, onde se anunciou o nome do equipo vencedor e se realizou a entrega do premio. Foi un momento moi especial no que se recoñeceu o esforzo, a constancia e a ilusión de todos os participantes. 

Desde a biblioteca queremos felicitar a todos os nenos e nenas que formaron parte desta iniciativa e agradecer a súa implicación. Agardamos repetir esta experiencia o vindeiro curso e seguir gozando xuntos dos retos e aprendizaxes que nos ofrecen as adiviñas.