Novo curso, novo reto lector!!
Outubro, mes das escritoras
Benvidos ao blog da biblioteca do colexio San José de Cluny de Santiago de Compostela.
Novo curso, novo reto lector!!
Outubro, mes das escritoras
Coa chegada do verán, desde a Biblioteca queremos compartir unha nova selección de lecturas pensadas para acompañar ao noso alumnado, ás familias e ao profesorado durante as vacacións.
Nesta guía atoparedes propostas para todas as idades e gustos: contos para os máis pequenos, aventuras, misterio, fantasía e novelas para lectores máis experimentados.
Agardamos que estas recomendacións vos axuden a descubrir novas historias, vivir grandes emocións e facer da lectura unha compañeira de viaxe durante os meses de descanso.
Premede na seguinte ligazón para acceder as nosas recomendacións lectoras para o verán.
RECOMENDACIÓN LECTURAS VERÁN 2026
Boas lecturas e feliz verán!
Pechamos o curso dos clubs de lectura cunha tarde moi especial!
Participantes dos clubs de Primaria, ESO e Adultos compartiron unha actividade interxeracional inspirada en Matilda, na que tiveron que superar diferentes retos e seguir pistas por toda a biblioteca para resolver un divertido misterio.
Foi unha magnífica oportunidade para compartir lecturas, traballar en equipo e gozar da biblioteca como un espazo de encontro entre xeracións.
Ao remate do xogo, celebramos o fin de curso cunha merenda e cada participante puido escoller algún fondo da biblioteca para levar consigo e seguir desfrutando da lectura durante o verán.
Grazas a todas as persoas que formades parte dos nosos clubs de lectura por facer deste curso unha aventura chea de historias, descubrimentos e momentos compartidos.
Bo verán e felices lecturas!
Unha aventura de enxeño e traballo en equipo
Ao longo deste curso escolar, dende a biblioteca do centro organizouse a actividade “Adiviña do Día”, dirixida ao alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria.
Os nenos e nenas que quixeron participar apuntáronse ao concurso e organizáronse en equipos de tres integrantes. Durante unha semana de cada trimestre, os equipos atopaban cada día no seu corredor unha adiviña que debían resolver. As respostas anotábanse nunha ficha de participación e, segundo os acertos conseguidos, íanse sumando puntos para cada equipo.
Esta actividade permitiu que o alumnado puxese a proba o seu enxeño, a súa capacidade de observación e o traballo cooperativo, ademais de compartir momentos de diversión cos seus compañeiros e compañeiras.
Unha vez rematadas as tres fases do concurso, realizouse o reconto final das puntuacións. O equipo que acadou a maior puntuación ao longo de todo o curso foi o gañador desta edición de “Adiviña do Día”.
Para coñecer o resultado, todo o alumnado participante reuniuse na biblioteca, onde se anunciou o nome do equipo vencedor e se realizou a entrega do premio. Foi un momento moi especial no que se recoñeceu o esforzo, a constancia e a ilusión de todos os participantes.
Desde a biblioteca queremos felicitar a todos os nenos e nenas que formaron parte desta iniciativa e agradecer a súa implicación. Agardamos repetir esta experiencia o vindeiro curso e seguir gozando xuntos dos retos e aprendizaxes que nos ofrecen as adiviñas.
.jpeg)
Mercedes compartiu con nós a historia que hai detrás da súa primeira novela, un libro nacido dende o corazón e escrito como unha homenaxe á súa nai, gran seguidora de telenovelas. Un relato cheo de emoción que nos transporta ata Rois, a súa aldea, e mestura ficción con anécdotas e lembranzas vividas por ela e pola súa familia.
Foi un encontro entrañable no que puidemos conversar sobre o proceso creativo, as inspiracións persoais e descubrir como as historias máis auténticas adoitan nacer das emocións máis sinceras.
Grazas, Mercedes, por acompañarnos e por compartir con nós esta experiencia tan especial.
No mes de maio a nosa lingua está de festa!!
Acción, misterio, aventura....
Narrativa, poesía, cómic ....
Busca o teulibro, vive a túa lingua!!
Deixa o teu comentario, recomenda a túa lectura.
No marco das celebracións da nosa Semana da Lectura, tivo lugar tamén a entrega de premios do Concurso Literario “Lolita Iglesias”, unha cita xa consolidada no noso centro que fomenta a creatividade, a sensibilidade literaria e o gusto pola escritura entre o alumnado dende 3º de Primaria ata 4º da ESO.
O certame contou con distintas modalidades —poesía, narrativa, relato curto creativo e a modalidade especial “Temos unha misión”— que permitiron ao alumnado expresarse desde rexistros e propostas moi diversas, sempre dende a imaxinación, a reflexión e o compromiso.
Durante o mesmo acto levouse a cabo a entrega de premios aos traballos seleccionados. No caso do alumnado de Primaria, os galardóns foron entregados polos seus respectivos titores e titoras, mentres que para o alumnado da ESO a entrega correu a cargo dun membro do Seminario de Lingua Castelá despois do recreo da mañá.
Queremos destacar especialmente a alta participación rexistrada nesta edición, así como a notable mellora na calidade dos traballos presentados. O nivel demostrado polos participantes fixo especialmente difícil o labor do xurado, que tivo unha tarefa complexa á hora de seleccionar e outorgar os premios.
O xurado, formado por profesorado, pais e nais do alumnado e antigos alumnos do centro, valorou moi positivamente a orixinalidade, a calidade literaria e o esforzo reflectido nos textos presentados, subliñando o entusiasmo e o talento amosado polos novos escritores e escritoras.
Queremos agradecer a todos os participantes a súa contribución para manter vivo o espírito deste certame, que segue medrando cada ano en participación e nivel.
Acompañan esta entrada as imaxes do acto de entrega de premios e das persoas galardoadas nas distintas modalidades coa correspondente ligazón aos textos.
CATEGORÍA A
CATEGORÍA B
1º PREMIO NARRATIVA
Parabéns a todos e todas por seguir enchendo o noso centro de palabras, imaxinación e literatura!