HERDEIROS DAS NOSAS TRADICIÓNS
De entre todas as festas que gozamos ao longo do ano, o Entroido é sen dúbida unha das que máis ilusión espera entre os nenos e... os que xa non o somos tanto.
Trátase dunha celebración cun arraigo moi importante na nosa Comunidade, que se vive dun xeito moi particular na contorna de Santiago de Compostela e da que forman parte activa algúns dos nosos alumnos. Estamos a falar, como non, dos Xenerais da Ulla, que están declarados como Festa de Interese Turístico de Galicia.
En Cluny, comezamos o luns levando anteollos ou algún tipo de anteface, continuando o martes con colar, o mércores foi o día dos chapeus, calcetíns desparellos o xoves... ata chegar a formar auténticos choqueiros para a festa organizada pola ANPA do colexio o venres pola tarde e nos que puidemos dar conta da merenda e na que non faltou a música.
E como non todo vai ser troula, paralelamente, non podemos esquecer o traballo de investigación que levaron a cabo no 2º ciclo de EP sobre a orixe do Entroido Galego e os seus persoaxes principais, no 3º ciclo de EP, sobre os Xenerais da Ulla, o audiovisual sobre as receitas tradicionais, ou tamén o traballo sobre o Meco dos nenos de 1º e 2º de Primaria.