24 DE OUTUBRO,
DÍA DAS BIBLIOTECAS, DE TODAS AS BIBLIOTECAS
Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas.
A Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, a través da Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2021. "A edición deste ano, baixo o lema “Bibliotecas: ler, aprender, descubrir” céntrase en destacar o papel das bibliotecas de diferente tipoloxía como espazos libres, diversos e abertos para o acceso á cultura e o coñecemento, a partir da lectura e do conxunto de recursos que permiten a aprendizaxe e posibilitan o descubrimento doutras ideas, outras persoas, outras culturas e outros mundos."
As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio. Cómpre reivindicalo e celebrar que son xanelas para ler, espazos onde aprender e lugares para descubrir.
A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS.
Este curso, o lema das bibliotecas escolares de Galicia: A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA , quere poñer o foco na palabra e na oralidade.
A imaxe que interpreta este lema proposto para o curso 2021-2022 é obra do ilustrador, escritor, deseñador e artista visual Pablo Otero, que leva xa un tempo colaborando coas bibliotecas escolares en formacións e obradoiros.
Clunyteka únese á celebración abrindo as súas portas. Este curso comeza co inicio das sesións dos clubs de lectura, o concurso "Carapuchos Abelleiros" e o servizo de préstamo tanto ás bibliotecas de aula como as Clunytekas móbiles.
Poderás
informarte de todas as actividades planificadas polo equipo de biblioteca a través do noso blog http://clunyteka.blogspot.com/
No hay comentarios:
Publicar un comentario