ENCONTRO CON ÉRICA ESMORÍS
Os alumnos de 4º de Educación Primaria coñeceron a través dun encontro
virtual a Érica Esmorís, autora do libro Patio
de luces galardoado co XI Premio de Narrativa Infantil Ciudad de Málaga no ano
2020. Coruñesa amante dos animais que se fixo veterinaria, profesión que
exerceu un tempo, e que dende moi cativa se dedicou a ler e escribir como
principais afeccións.
Tamén descubriron á escritora, guionista en diferentes produtoras
audiovisuais galegas e autora de varias novelas infantís como O poder de Amabel, Ulises e as cronoamigas, Quen
salva a un can e Nena e o mar,
obra coa que gañou o premio Merlín de Literatura no 2015.
A obra desta autora que leron nas clases de Lingua Galega durante o 2º trimestre foi Patio de luces, novela que escribiu durante o confinamento como lembranza da figura do porteiro do edificio onde pasou a súa infancia e resaltando o valor da curiosidade.
Lea, protagonista deste libro, pasa as
tardes dos venres co seu avó, porteiro nun edificio. Este está preocupado polo
seu traballo e ademais teme que os veciños vexan á súa neta e pensen que descoida
as súas tarefas por coidala. Lea, mentres o seu avó traballa, dedícase a observar os
tendais do patio interior e imaxinar quen vivirá en cada piso. A pesar das
advertencias do seu avó, e sen poder conter a súa curiosidade, Lea termina coñecendo
aos veciños do edificio e comprobando que as cousas non sempre son o que
parecen.
A lectura deste libro permitiu traballar o campo semántico das profesións
en perigo de extinción ou xa desaparecidas, fomentar a imaxinación e descubrir
que a primeira impresión non sempre se axusta á realidade. Tamén foi unha
achega ao dominio das novas tecnoloxías aprendendo o uso do word e os
cuestionarios no Teams para exercitar a
compresión lectora.
O encontro con Érica foi virtual por
mor da situación de pandemia que estamos a vivir. Nin os pequenos problemas
técnicos nin o contacto a través dunha pantalla foron quen de ensombrecer unha
conversa divertida e entrañable coa escritora. Érica mostrouse moi agarimosa e
respondeu a unha batería de preguntas dos rapaces, tamén deixou interesantes consellos
aos pequenos escritores e como anunciou que xa hai próxima novela no forno
emprazáronse, a ser posible en modo presencial, para un novo faladoiro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario